“Século XXI“ – Intolerancia, prexuízos,...HOMOFOBIA
En pleno século XXI, presumimos de sermos modernos, liberais e abertos en todos o terreos. Pero, baixo unha coidada maquillaxe, a realidade demostra todo o contrario: día a día temos exemplos de machismo, racismo, xenofobia, homofobia…
Tomando como referencia a cuestión concreta da homofobia, vemos como se insulta a deportistas por declararse homosexuais, como aparecen campañas publicitarias polémicas (hazte oír), ou se cuestionan o matrimonio homosexual, a adopción por parte de persoas do mesmo sexo…,
Interesadas polo tema, tan de actualidade, alumnas de 4º de ESO, realizaron esta enquisa, coa fin de averiguar o grao de prexuízos que o alumnado ten ao respecto. A continuación ofrecemos os resultados:
Conclusións:
1. O alumnado considera maioritariamente que:
Os homosexuais están discriminados, que a homosexualidade é unha cuestión biolóxica (aínda que a marxe de diferencia nos resultados é pequena) Tamén afirma estar a favor do matrimonio e da adopción.
2. O alumnado pensa, na súa maioría que:
Non teñen un comportamento, vestimenta ou trazos concretos que os caractericen. Non son máis promiscuos que os heterosexuais, non inflúen co seu comportamento na orientación sexual de nenos e adolescentes. Tamén aseguran que reaccionarían ben ao descubrir a homosexualide en persoas achegadas. Por último afirman que non utilizan nunca termos homófobos.
3. No relativo ao coñecemento da terminoloxía que se aplica ás diferenetes preferencias sexuais, a maioría sabe o que significa homosexual, heterosexual e bisexual, e, en menor medida, asexual.
En definitiva, hai indicios de que as respostas a esta enquisa non se axustan ao que o alumnado pensa, dado que non coinciden co seu comportamento habitual na vida cotiá.
Hai diversos factores que poden ter influído neste sentido, como son: a idade, o contorno escolar e familiar. Estes, poden levalos a responder o políticamente correcto. Unha vez máis reaccionan como o resto da sociedade, “moi moderna” pero non tanto.