top of page

Como escalar unha parede con corda?

O pasado venres 3 de febreiro o alumnado de 4º, do IES de Barro, desprazouse ó rocódromo do IES A Xunqueira II para realizar unha práctica de escalada.


Escalar é un deporte de risco, por iso son necesarias dúas persoas, e tamén o coñecemento e manexo do material específico. O obxectivo da escalada é subir por unha parede, agarrándose só ás presas, mentres o que está abaixo asegura esa ascensión.

Entre os requisitos para realizar esta actividade tiñamos que levar roupa cómoda, quitar os accesorios (pulseiras, aneis...), dispoñer do material técnico homologado e coñecer o protocolo de seguridade.

Ese protocolo era o seguinte:


Chegamos á base da parede, as cóxegas que sentimos no estómago eran tan grandes coma ela. Miramos cara enriba e comprobamos que a corda estaba pasada pola reunión (as ancoraxes finais).

Poñemos os arneses, axustándoos ben ao van, e comprobamos mutuamente a súa correcta colocación (a isto chámaselle redundancia, precaución moi importante en calquera deporte de risco). O arnés serve para enlazar a corda coa escaladora. Que incómodos eran! Pensar que estivemos toda a mañá con eles, que sorte a nosa!

A persoa que escala, pasa a corda polo arnés e fai o nó recomendado (oito dobre). Levamos moito traballo para peitear ben o nó.


Dado que non podemos agarrar a corda coas mans para suxeitar a quen escala, precisamos de certos aparellos chamados mosquetón e freo. O mosquetón une ese freo co arnés, e á súa vez, o freo evita o desprazamento da corda.

Descubrimos que a xente podíase mancar se faciamos algo mal, se non traballabamos en equipo ou se algunha de nós levaba o pelo solto, por iso é tan importante seguir o protocolo.

Tras superar ese paso, a persoa que escala, pon un casco, un calzado especial (pes de gato) e colle unha bolsa con magnesio, (sustancia que evita a suor das mans e vai prendida no van) . Con todo isto xa podes escalar, deixando atrás o medo, que ás veces, pesa máis que os quilos.



Mentres un escala, o que asegura vai recollendo corda. O obxectivo do escalador é chegar á ancoraxe que suxeita esa corda. Tras conseguilo, o asegurador farao descender de xeito controlado, mediante o freo. O único que temes neses momentos é que rompa a corda ou que o teu compañeiro estea distraído.

Este deporte é esgotador, pese a ter un descanso, poucos eran capaces de volver escalar. O sorprendente foi ver ó profesor, subir á velocidade dun raio sen desprender unha gota de suor. Iso dounos o impulso e seguridade que necesitábamos para tentalo outra vez.







Autores: Nerea Martínez, Patricia Pérez, Loaira Santamaría.

Fotografía: David Riveiro, Santiago Rivas, Martín Peréz.

  • Vimeo - Black Circle
  • SoundCloud - Black Circle
  • Blogger - Black Circle
  • YouTube - Black Circle
  • Pinterest - Black Circle
 etiquetas: 
No hay etiquetas aún.
bottom of page